jueves, 7 de junio de 2012

Paisaxes, a Serra do Xurés


Situados no sur centro da Galiza, na bisbarra de A Baixa Limia na provincia de Ourense, erguese un dos macizos montañosos máis fermosos característicos do pais, a Serra do Xurés. Atravesada polo río Limia e lindando o sur con Portugal e irmán das serras portuguesas do Gerês e a Peneda, coas que forma o mesmo macizo pero separado polas fronteiras políticas.
No ano 1.993 foi nomeada parque natural xunto con cinco concellos portugueses creando así o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés do lado galego e Parque Natural Peneda-Gerês do lado de Portugal.
Este espazo con paisaxe montañosa e correntes fluviais, destaca no xeolóxico os montes graníticos, que xunto cos vales e encaixamentos dos ríos Limia e afluentes como o río Caldo, os cales nalgúns tramos irrompen nas abruptas montañas en forma de fervenzas e pozas, converten esta paraxe nunha das máis fermosas da Galiza. Importante tamén saber que nestas serras atópanse os circos glaciares a menor altura da Península. Estas características fixo que no ano 2.009 o parque fora nomeado Reserva da Biosfera pola UNESCO.
Na súa xeografía destacan picos e montes como Outeiro de Quíntano (1.169 m), Cruz do Touro (1.231 m), Coto de Fonte Fría (1.454 m) e o máis alto, o Pico da Nevosa con 1.539 m, todos graníticos. En canto as correntes fluviais aparte do Limia, destaca o río Caldo, o cal como di seu nome ten propiedades e afamadas augas termais as cales xa coñecíano os romanos. Tamén mencionar o salto ou cascada do Corgo da Fecha, o cal e o máis longo da Galiza con case un Km que irrompe nas montañas.

Dentro da flora hai amplas zonas de matogueira e bosques caducifolios, onde hai presenza de cerquiño, bidueiros e sobreiras, ademais de érbedo e acivro nas zonas máis altas.
En canto a fauna, no campo dos réptiles e anfibios nomear á pínteaga rabilonga, a lagartixa ibérica e a culebra viperina. Nas aves tamén podemos nomear o hábitat do mergullón pequeno, o lavanco e tartaraña cincenta, aparte das rapaces como a aguia real, falcón pequeno, azor, gabián, aguia cobreira, lagarteiro, cuco, peto real e cirio común. Nos mamíferos mencionar o lobo, musgaño común, londra, gato montes e donicela, aparte dos máis comúns como xabarís, corzos, paspallás ou lebres. Por último nas zonas fluviais unha importante presenza de troita.

Outra característica destes lares que o fan aparte un sitio máxico e cheo de lendas, e a importante abundancia de patrimonio histórico e arqueoloxía. Así temos unha importante presenza do megalismo con mámoas e antas como a de Maus de Salas ou a casa da Moura, situada na chaira do alto das Sete Laceiras, no concello de Entrimo.Tamén hai presenza castrexa pero sen atoparse escavados ningún.
Pero unha das cousas polas que e recoñecida estas terras e pola gran e importante pegada que deixaron os romanos, pois pola zona pasaba a antiga calzada Vía XVIII a cal unía as importantes cidades de Bracara Augusta (Braga) con Astúrica Augusta (Astorga), a calzada era coñecida tamén como Vía Nova, nome que sae en varios gravados do percorrido. Destaca a conservación de moitos tramos da calzada empedrada, así como miliarios como a véntena de Portela do Home (miliarios eran como sinais da época para marcar as distanza). En relación coa vía antiga nomear os restos da "masio" dos Baños do río Caldo, tratase de unha antiga pousada romana da vía aproveitou as calidades termais do río Caldo para facer unhas termas, os seus restos aínda se atopan en bastante bo estado de conservación.

Todas estas atribucións paisaxísticas, patrimoniais e naturais fan que o Xurés  goce na actualidade dun gran atractivo no sector do turismo. Destacando entre outros a vila termal de Torneiros, en Baños do río Caldo, Lobios. 
Por último dicir que como en gran parte da Galiza os encoros construídos na zona, como o de Salas fixeron alterar o medio natural así como a desaparición baixo súas augas de parte do patrimonio. Na actualidade estanlle a sacar partido con deportes náuticos, mesmo así o mal xa esta feito.

Foto nos miliarios de Portela do Home, no concello de Lobios.